miércoles, 22 de mayo de 2013

UNHA LECCIÓN DE VIDA.


Había unha vez unhas nenas e nenos que xogaban coas súas amigas e amigos na rúa, no campeiro, na praza, na casa …
Eran donos do seu tempo e disfrutaban del xogando ás carreiras, ao peón, á corda, aos xogos de roda, á pelota...



Máis pouco a pouco o tempo foi escapando das mans deles e dos seus maiores, outros leceres foron ocupando as súas vidas infantís. Algúns deixaron de xogar, outros esqueceron os xogos, a outros roubáronlles os campos onde xogaban, algúns quedaron sen rúas porque as ocuparon os coches, moitos deles medraron moi rápido e pensaron que xogar, brincar, correr... era cousa de pequenos, dos máis pequenos e por seren maiores antes de tempo, algúns nenos e nenas imitaron aos adultos e non viviron con intensidade a súa marabillosa infancia.

Esta é a realidade da rapazada da miña xeración. Os meus pais e, sobre todo, as miñas avoas e o meu avó téñenme contado que eles xogaban moito fóra, nos arredores das súas casas, coas súas amigas e amigos.
Eran outros tempos! Antes non tiñamos tantas cousas e había que buscarse a vida para poder pasalo ben. Nós mesmos faciamos os nosos xoguetes: pelotas de trapos vellos, aros de ferro para guiar cun pauiño, bólas de barro, billardas... Agora tedes de todo e non sabedes que facer, aburrídesvos se non tedes á man un móbil ou unha maquiniña desas que tanto vos gustan”.

E creo que teñen algo de razón, ou moita, quen sabe!
Con este traballo tentarei poñer o meu gran de area para recuperar algúns dos xogos tradicionais cos que eles tanto se teñen divertido.

Fixen unha pequena escolma entre os máis populares da rapazada daqueles tempos e así poder contribuír para que non se perdan e volvan aos patios dos colexios, aos parques, ás prazas... onde as nenas e os nenos poidan disfrutar deles coas súas amizades, e ao aire libre que é onde se debe xogar para coidar a nosa saúde e manter san o noso corpo e a nosa mente.

Empezarei polo xogo das bólas. Había moitas modalidades. Escollín OS TRES TOPES por ser sinxelo de aprender.
Xógase cun número limitado de participantes porque, se son moitos, complícase o seu desenrolo.
Cada xogador tira á feito e cada un terá que bater tres veces na bóla do compañeiro, sexan seguidas ou non.
Cando unha bóla recibe o terceiro tope dun mesmo xogador, queda eliminado e ten que darlle a bóla a quen o eliminou.
Cando un xogador lle acerta á bóla dun contrincante, volve tirar. Se quere pode medir cuarta e tirar máis perto.
O xogo remata cando os participantes queiran.


Outro dos xogos máis populares era o da buxaina, peón, nosella... que de moitas maneiras é coñecido na nosa terra.
A buxaina é un xoguete feito con madeira torneada que pode ser de varias clases e leva na punta un cravo de ferro para que vire o mellor posible.
Para bailala hai que enrolarlle unha piola sobre a barriga, habendo varios xeitos de facelo.
O xogo elexido é BAILAR NA MAN. Consiste en facer bailar o peón tirándolle da piola e logo collelo na palma da man, introducíndoo entre o dedo furabolos e o medio. Mantense na cunca da man o maior tempo posible. Ao coller o peón deste xeito comezará a campanear pero cuns movementos axeitados da man ponse dereito, é dicir, “faise durmir”.


Agora tócalle o turno aos xogos da chapa, rollo ou mariola (dependendo do lugar de Galiza no que estemos). Poden participar un número variable de xogadores, dende un só ata seis como máximo.


Xogar á chapa consiste en ir movendo unha pedra plana ou unha pequena lousa, a chapa, por un percorrido que previamente teremos debuxado no chan con xiz ou calquera outra cousa que poida pintar. Ese chan deberá ser duro, de cemento ou terra completamente liso e chan. Dependendo do debuxo da mariola, así xogaremos a un ou outro xogo.
O BONECO é un xogo no que se bota a chapa á casiña número un e sáltase, sen pisar, ata a casa número dous. Continúase percorrendo o resto das casas ata a última, regresando de novo á casa número un, onde se ten que botar fóra a chapa, sen afastala demasiado xa que hai que saír do debuxo saltando e hai que quedar enriba da chapa e todo esto á pata coxa. Cando hai casas dobres ou triples, se poñerá un pé en cada unha ou nas das beiras (se hai tres casiñas xuntas). Logo hai as variantes de sen mover ou de dobres, pero iso xa é para máis avanzados.

En canto aos xogos da pelota, un dos máis populares era PÉS QUIETOS. Todos os participantes do xogo forman unha roda de xeito que estean un pouquiño distantes entre eles. Van pasando a pelota uns aos outros ao chou, tratando de pillar a alguén despistado. Cando a alguén lle cae a pelota corre a pillala mentres o resto escapa. En canto agarra a pelota di: pés quietos, e todos teñen que ficar sen moverse no lugar onde lles cadrou.
O que ten a pelota da tres pasos grandes na dirección do xogador que estea máis preto e lanza a pelota para bater nel, procurando que este non poida collela. Se acerta a darlle, o tocado é o novo pandote e continúa a xogo do mesmo xeito.
Un xogador é eliminado do xogo se é tocado por terceira vez.

E por último imos ver un xogo de grupo para o que non se necesita ningún accesorio: AUGA AO PEIXE. Para poder xogar, os xogadores deben colocarse en dúas ringleiras cara a cara e moi perto uns dos outros. Cada xogador agarra as mans do que ten en fronte. Fórmase así unha canle pola que ten que pasar o peixe.
O peixe é outro xogador que deberá botarse enriba dos brazos das parellas e cando estea colocado, mediante golpiños suaves arriba e abaixo dos brazos dos participantes, vai escorrendo ata percorrer toda a canle. Mentre tanto todos cantan:

Auga ao peixe, que afoga o peixe”


Cando o peixe xa escorregou polos brazos dos primeiros compañeiros, estes sóltanse e colócanse ao final da canle para facela máis longa, formándose así unha cadea continua de parellas por onde o peixe seguirá escorrendo ata que cansen.



Habería moitos máis xogos... coido que estes pódennos valer para tentar recuperar a memoria histórica do lecer dos nosos queridos avós que tan ben o pasaron e con tan pouco, nos tempos difíciles que lles tocou vivir, dándonos a todas e todos nós unha lección de vida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario