domingo, 5 de mayo de 2013

A FOTOGRAFÍA: PARTE DA NOSA CULTURA.

É sorprendente como en moi  pouco tempo a túa vida pode chegar a cambiar tanto.

Exactamente dende o instante que me chamou  a atención o son que facía a cámara ao sacar unha fotografía, dinme  conta de que ese aparello íame gustar  e que podía ser algo interesante para investigar e acercarme a distintas situacións con ela. Por iso en cada viaxe que facía coa miña familia quería levala e disparar algunha  instantánea  coa axuda dos meus pais, amantes desta arte.

O tempo foi pasando e, polo tanto, a vida. Tecnoloxías e, á vez  unha mesma, imos avanzando e  cambiando en cada instante do noso existir.  Doume conta cada día de que o mundo  da fotografía  ten algo especial que me atrapa e me impide deixalo. As cámaras xa non son o que eran  e  incluso, unha vez chegados a este punto, as expectativas de cada un van cambiando.

O  seguinte paso foi mercar a miña cámara dixital coa que puidera sacar as miñas fotos sen depender de ninguén e cando eu quixera. Cando vin que os meus obxectivos non os conseguía con este aparello, e tiña cada vez máis  claro que quería avanzar  neste universo, os meus pais decidiron mercar outra cámara de maior capacidade para poder seguir aprendendo  e conseguir o que eu desexaba.


Cando parecía estar todo moi claro respecto a este “hobby” ,apareceu unha persoa  na miña vida e fixo a suxestión de por que non colgaba o meu traballo nunha rede social onde todo o mundo puidera velo sen problema. Ao principio tiven que pensalo moito, posto que non estaba segura de que se iso era o que verdadeiramente quería e supoño que tamén me freou un pouco o vergonzosa que son e todo o que iso podía supoñer.

O caso é que un día, cando vin que podían ter  algo especial as diferentes fotografías que comezaba a facer, decidín crear  unha conta en flickr para que todos puideran velas. Ao comezo era poucos os que me seguían e facían comentarios  sobre elas pero, co paso do tempo, fun atopando xente que se interesou polo meu traballo e comezou a estar pendente del, o que me fixo ver que había persoas que realmente estaban interesadas en que seguira subindo fotos á páxina, sendo iso unha experiencia moi  gratificante:  poder ver que a xente estaba a disfrutar con el. Dinme conta de que o seguinte que tiña que facer era algo que permitira amosar todo o meu esforzo e traballo á xente que me arrodea e aprecia para poder compartir con eles as miñas fotografías. Deille moitas voltas ata que decidín arriscarme e montar unha exposición para toda a xente de Ferrol que quixera ver o meu traballo.

Moitas veces dicimos que as cousas sen pensar son as mellores e, neste caso, en menos de dous meses tiña a miña exposición montada e inaugurada nun día moi especial das vacacións de Nadal, podendo así  acadar  un soño que tiña, dende había un tempo, na miña mente.

Dende ese instante unha ten que madurar, deixar a vergonza fóra e comprender que se abre unha porta cara ao futuro. Con esforzo e traballo fun quen de controlar a situación, seguir cara adiante, obtendo una aceptación moi cálida de todo o público que se achegou a vela, das diferentes persoas que me axudaron a realizar a escolma das fotografías para expoñer, as críticas que recibín para poder seguir aprendendo (algo moi importante para min), coñecer  xente nova deste mundo, a cal a día de hoxe segue o meu traballo… noutras palabras, unha experiencia moi bonita e especial , algo que non vou esquecer posto que a día de hoxe a miña vida non tería sentido sen esta arte xa que é unha forma moi adecuada para plasmar os meus sentimentos.

Como en todas as situacións da vida, houbo persoas que aceptaron isto mellor que outras,algunhas por ciumes e outras porque non entenderon o que eu quería transmitir.
Cando remataron os días da expo  pensei que de momento era o máis importante  ao que podía chegar pero estaba equivocada posto que diferentes persoas  que visitaron a miña obra quixeron que levara a exposición  a diferentes lugares, un deles o meu centro de estudos no cal estanse a portar moi ben diferentes profesores que me coñecían por darme clase en anos anteriores e que agora estanme a axudar para poder conseguir novos retos como por exemplo unha entrevista para o xornal “La Voz de Galicia”, coñecer a diferentes fotógrafos profesionais ou unha entrevista na emisora de RadioVoz…diferentes situacións que fan que, a día de hoxe, a miña vida cambiara positivamente,  aprendendo día a día nisto que me gusta tanto e, sobre todo, ser quen de moverme en diferentes medios que están a conseguir que cada vez teña máis seguridade  e medre como persoa, algo moi importante para o meu futuro.

  Grazas á fotografía vinculeime cos diferentes aspectos que forman parte da  nosa cultura  galega: as feiras típicas de pobos que levan vivas toda a vida; as festas de toda a nosa xeografía, os restos arqueolóxicos dos nosos antergos, a nosa etnografía, os nosos monumentos, a nosa gastronomía, a nosa música e o máis importante para a cultura dun pobo: a nosa lingua.

Desexo que no futuro o meu traballo fotográfico poida reflectir diferentes aspectos da nosa cultura galega e sexa recoñecido  pola súa calidade e sentimentos que aporta. Poñerei da miña man toda a ilusión e esforzo xa que a miña aprendizaxe non fixo máis que comezar. 


Aquí podedes ver o enlace a noticia do xornal unha presentación cunhas cantas fotografías e a miña dirección de flickr coa primeira colección que fixen para a exposición: 




http://www.flickr.com/photos/esperanzavd/

Desexo que vos guste o meu traballo e poidades disfrutalo!  


No hay comentarios:

Publicar un comentario