domingo, 5 de mayo de 2013

A FROUXEIRA


Na vida hai moitos tipos de relacións entre as persoas, algunhas son de parella  e  outras,  por exemplo, entre  pais e fillas, como a que  vou contar eu agora.
Nesta historia hai tres personaxes:  un pai, unha rapaza e unha praia. Dúas persoas e un lugar que teñen unha unión e un sentimento moi agradable e especial cando están xuntas.
Parece imposible  que unha das maiores e mellores praias (como é neste caso a de Valdoviño, ou mellor dito a da Frouxeira, un entorno natural  do que goza Galiza) poda conseguir transportarte  a outro universo o tempo no que estás sentindo a area debaixo dos teus  pés ou  eses instantes nos que escoitas o ruxir das ondas, ruxir que chega  ao máis profundo do  teu corazón.

Cada momento no que podemos escaparnos á nosa praia para tentar buscar a resposta  a  moitas das nosas dúbidas que están na nosa mente, imos. Cando necesitamos manter unha conversa onde ás veces hai boas novas ou, pola contra, só algunha bágoa derramada, imos . Cando no verán a marea está baixa e queremos darnos un baño antes de subir a xantar, imos. E   cando desexamos  quedarnos ata que a praia está baleira para ver as marabillosas postas de sol,  facémolo.
Para min cada vez que se fala da Frouxeira é como facer unha viaxe coa miña mente  a un mundo cheo de recordos dende a miña infancia ata o día de hoxe.
Únenos algo especial ao meu pai e a min con ela, que somentes nolos dous podemos alcanzar a comprender.
Pero non todo é perfecto. Ás veces este lugar rebélase e, en vez de aportar boas novas,traizoa e provoca situacións incorrixibles como as mortes da xente que se leva cando está a facer surf ou a pescar; temporais que acaban con múltiples vivendas ou desbordamentos na lagoa  que acaban con moitos dos bens das familias que viven preto dela.
Non todo na vida é agradable, hai que aprender a ver os dous lados da realidade e saber  que facer en cada caso para poder chegar a ser felices.
Grazas a esta marabillosa praia fun capaz de vivir momentos inesquecibles  co meu pai, unha persoa moi especial na miña vida.
Todo isto, e algún segredo máis, é o que representa para min esta parte tan bonita  e misteriosa de Galiza, algo con moito significado que sempre me acompañará ao longo da miña vida e que, dalgunha maneira, quero atrapar nas miñas fotografías.


No hay comentarios:

Publicar un comentario