lunes, 6 de mayo de 2013

O que ninguén quere ver

Non sei se vos soará dalgo “O Partido Verde Europeo” ou  “Os verdes”, pero tendo en conta que os nomes non son cousa doutro mundo, xa podedes ter unha idea, máis ou menos do que son. Se o verde o relacionamos coa natureza e o feito de ser formacións políticas ou grupos coa defensa desta, so hai que pensar na cor que xeralmente se asocia á natureza e xa temas o resultado desta fórmula nunha soa palabra: ECOLOXISTAS. Hai vida máis alá do Green Peace mediático, ó igual que hai vida na conservación da natureza, que, a fin de contas, defenden estes grupos. Ó final entenderedes porque vos falo disto.
Pero eu non viñen por aquí a falares do que son cada un deles. É moi sinxelo buscar no google o que son e recopilar as novas que aparecen nos xornais falando deles. Viñen para falaros dalgo que todos vós debedes coñecer, REGANOSA.
Non pensedes que vos vou comezar a soltar unha morea de críticas ecoloxistas destes grupos en contra de Reganosa, que podería se me detivese a mirar os xornais de fai uns anos, e non tantos anos. Mais o que veño deixar por aquí é o que eu recordo do comezo das pintadas que tantas veces temos visto polas rúas de Ferrol, esas que din “A RÍA É NOSA E NON DE REGANOSA” ou “PLANTA DE GAS FÓRA DA RÍA”, e das manifestacións que tantos días teño visto diante da Xunta.

Non pretendo concienciar a ninguén do perigo que supón ter unha planta de gas en plena ría de Ferrol, creo que iso xa é algo obvio. A fórmula gas+fauna+ría nunca tiveron boas amizades, se cadra no mundo futurista das películas do século XX,  onde víamos a máis avanzada tecnoloxía, que nin sequera temos agora, xunto cos mellores enclaves naturais do planeta. Pero iso non é a realidade. A realidade do noso mundo, de Galicia ou de calquera outro recuncho da Terra, é que calquera espazo natural, verde por extensión, no que non haxa presencia humana algunha, está baixo o perigo inminente dunha ameaza. Pode que agora mesmo estaredes a pensar en grandes bosques ou rexións fermosas do Caribe ou dalgún lugar exótico que atraia ós turistas. Mais incluso neses lugares hai perigos, que non aparecen na publicidade xa o sei, pero iso non quere dicir que non existan. Están pero non venden. Ó parecer o que si vende é o que está detrás. O de destruír un espazo natural, sexa fermoso, ou o máis noxento do planeta. Iso é o que esta de moda no século XXI. Paradóxico, non? Na era das tecnoloxías, dos avances impensables no século anterior… é confuso que non haxa algo que facilite unha mellora do medio, medio avellentado polos avances. Exacto. Ese é o problema. Os avances nunca estiveron ligados á conservación do medio. Supuxeron un retroceso no medio. Nunca vos detivestes a pensar en como era o mundo fai 200 anos e como é agora? Xa só polo que hai escrito e o que nos di a xeografía sabemos como era a paisaxe. Agora pensade en que facía que fora así. Non había nada que o deteriorase! Seino, pouco a pouco foise desgastando máis e máis… Conforme evolucionaba todo aquilo que pode mover o mundo: os transportes, as enerxías, as tecnoloxías, as fábricas, as industrias… Toda a evolución fíxose en deterioro da natureza propia dun lugar. Onde quería chegar eu é ó punto no que o medio xa non ten retroceso á súa natureza inicial nin contando coa acción humana que o fixo avellentar!

E para que solto todo este parágrafo se eu ía a falar de Reganosa? Pois o solto porque chega un momento no que tantas cousa malas teño visto, oído ou lido sobre a ría de Ferrol que me pregunto se algún día poderá voltar a estar coma antes. Mais no parágrafo anterior teño a miña propia resposta: NON. O medio natural xa actúa dende fai anos coma un incentivo para os intereses económicos dos que controlan o mundillo no que vivimos, dos que teñen de todo e non se preocupan por nada…Rectifico. Preocupar si que se preocupan, pero por ter cheo o seu peto de billetes. Claro, pero a costa do débil. Neste caso o medio natural. O mundillo que imos avellentando… Aquí a ría de Ferrol non se queda sen o seu papel. Todos sabemos xa que non é o que era, coma calquera outra ría case. Xa dende que en Europa dixeron que era a ría máis contaminada… Daquela xa ninguén a mira coma antes. Agora a miran con ollos morriñentos recordando se nalgún tempo foi fermosa. Recordando se voltará ser o que era cando os romanos non se atrevían a chegar ata estas terras. A resposta é sinxela. É a mesma de antes. Unha negativa que paraliza ós soñadores e unha negativa que alegra ós do peito cheo. Porque  a verdade… Para que ter unha planta de gas na ría?

Eu con 11 anos non pensaba para nada nisto. Non me preocupaba o medio ambiente para nada. Aínda que tivese coñecemento do medio na escola e déramos ás veces pequenos apuntes relacionados co medio ambiente ou as enerxías. Eu facíao, pero porque me mandaban. Non era algo que eu fixera por iniciativa propia. Pero esta mentalidade cambiou cando vin algo na televisión.
Levaba toda a tarde traballando, estudando con 11 anos, se daquela iso se chamaba estudar. A miña nai estaba preparando a cea. Eu apalancada xa no meu rinconciño do sofá lista para cear. Non estaban a dar nada que me gustase na televisión polo que me puxen a cambiar de canle sen ton nin son. Sen determe a ver que estaban dando. Ata que vin ó pai dunha amiga miña na televisión. Nese intre non me decatei. Pero voltei rapidamente, por instinto, quen sabe, a pór en Telecinco. E alí seguía o pai da miña amiga! Botei un berro tremendo chamando á miña nai. Quería que o vira. E alí que quedamos as dous mirando para a caixa tonta, escoitando como o pai da miña amiga dicía que se a planta de gas estoupaba habería que evacuar os arredores nun tempo récord! Caeuseme o mundillo enriba… Íamos  voar polos aires como eso pasara! Se que esaxerei un chisco… Pero ó velo falar con tanta convinción na praza da Quintana de Santiago cando esa misma mañá o vira levar á súa filla á escola impactoume bastante. Falaba emocionado á vez que enfadado. A súa voz parecía non dar feito con todo o que tiña pensado dicir. Aínda así a idea que transmitía era clara e rotunda.
Ferrol non necesitaba una planta gas na ría en Mugardos. Non necesitaba 40 empregos de traballo para inxeneiros e xente cualificada. Non necesitaba rematar cos postos de traballo dos mariscadores co tempo. Ferroltera non necesitaba buques gaseros continuamente na ría. Non necesitaba vertidos de fenol, formol, metanol e cloro. Non necesitaba suministrar á central de Endesa en As Pontes. Non necesitaba que a auga da ría fora recollida e vertida de novo con 6 ou 8 graos menos. Non necesitaba venderse ós intereses particulares, ós deses co peito a rebosar de moreas de diñeiro, ós dos que non miran pola terra onde viven, ós dos que falan sen saber, ós dos que abren a boca para chamar polo seu, polo seu diñeiro, polos seus billetes, pola xenreira, sen querelo, obvio, dos que van chorando a perda do medio…
NON NECESITABA TREMENDO IMPACTO AMBIENTAL. NON.

Xa bastante mal estaba coma para que viñeran a fastidiar máis o conto. Pero ahí seguen. Todos. Os que a querían e agora andan ledos co seu diñeiro .Os que andan coa mirada nun punto perdido pensando nos séculos nos que a ría estaba non só fermosa por fóra, senón tamén por dentro. Naqueles séculos pasados nos que a ría tiña augas, non cristalinas coma as que nos venden nas revistas. Simplemente, azuis e limpas. Como soen ser as augas dunha ría… Pero, que esperar da ría catalogada coma a peor de todas? Xa non hai volta atrás. Agora o dano xa está feito. Os lemas seguen berrando por si mesmos nas paredes das rúas para salvar o insalvable. Os berros quedan nos recordos.

 Pero teño por segura unha cousa ben clara… Os recordos xamáis morirán.

Poida que cada vez que alguén mire á ría, mire máis aló da apariencia “fermosa” e sinta verdadeira mágoa por ver o que ninguén ve. O que está baixo a superficie, baixo uns poucos metros de auga. O que ninguén quere ver.  
Acordeime disto porque o outro día atopei no fondo do armario esta camiseta tan conmovedora no seu día:


No hay comentarios:

Publicar un comentario