lunes, 13 de mayo de 2013



Queridos Esperanza e Antonio:

Escribo esta carta porque creo que xa é tempo de que alguén da nosa familia vos faga a homenaxe que tedes ben merecida. Non me estou referindo á vosa tarefa como pais que tal difícil foi para sacar adiante unha familia con once fillos na aldea de Chantada, se non á vosa contribución á loita polas liberdades do noso país en tempos da posguerra.

Esta fin de semana fomos xantar a casa da avoa Olga, coma sempre, e eu saquei o tema porque tiña que facer un traballo de investigación sobre a memoria histórica de Galiza e lembrei que ela tiña falado nalgunha ocasión dos fuxidos.

Cando sentamos á mesa empezou a falar das vosas ideas de esquerdas, tan importantes para a familia, e do voso compromiso coa xente de Paderne, Irixoa, Chantada, Belouzás... que andaba escapada polos montes, as covas da volta, na ribeira da Ría de Betanzos ou río arriba, polo Mandeo.

Quixen saber máis detalles sobre o tema e, entre prato e prato, contounos como varios veciños e veciñas da vosa aldea estabades a levarlles comida e roupa ao monte aos fuxidos e mesmo lles axudabades a esconderse. Segundo a avoa comentou, dis que baldeiráchedes o pozo negro do porín da vosa casa para agochar alí a uns homes. Sei que os buscaba a Garda Civil porque alguén os tiña denunciado.

En todas as aldeas había persoas que non querían ben a algún veciño e que estaban enenistados por un pleito de terras ou por problemas de herdanzas que nada tiñan que ver coa política e aproveitaban a ocasión para denuncialos na Casa Cuartel, acusándoos de roxos. Unha denuncia chegaba para que os meteran na cadea e, moitas veces , para que os condenaran a morte. Outras veces eran os propios curas os que denunciaban aos seus feligreses porque non ían á igrexa ou estaban casados polo civil. Así foi como morreron moitas persoas, os paseados. Os gardas ían por eles e aparecían mortos nas beiras dos camiños, na praia ou ao pé das igrexas.

Acordádesvos cando iades a Betanzos, cas do irmán do bisavó, dono da serraría, levar comida e algúns cartos para que el llos dera a outra xente escapada? Del ninguén sospeitaría xa que tiña unha boa posición social e de todos era sabido o seu apoio ao réxime franquista, o que non lle impediu ser quen de axudar e salvarlle a vida a varias persoas da familia e da súa aldea, aínda que foran do outro bando, como así se dicía.

Cando chegamos á sobremesa, avoa comentou que cando rematou a guerra, a xente que loitou cos republicanos, e que daquela estaba na cadea (como era o caso dalgún dos nosos familiares), soltárona e voltou ás súas casas. Outros combatentes entregáronse pero houbo uns cantos que xa antes de empezar a guerra civil, fixeran a guerra de guerriñas e non pertencían ao exército da república e tiveron que esconderse en lugares que coñecían ben ou nas casas de xente comprometida coma vós porque a Garda Civil andaba na súa percura por ser antimonárquicos ou pertencer aos partidos das esquerdas. Convertíronse en fuxidos e estiveron varios anos sobrevivindo á marxe da lei, separados das súas familias, agardando a chegada dunha axuda internacional contra o réxime do dictador, axuda que nunca chegou. Algúns conseguiron fuxir a Francia ou ás Américas e outros foron apresados, torturados e asasinados pero a meirande parte loitou ata a morte, en condicións moi difíciles, por unha causa perdida.

Cando rematamos o xantar, todos estabamos impresionados polo que viñamos de escoitar. Quedamos abraiados pola vosa valentía en tempos tan duros e difíciles. Díxenlle á miña avoa que tiña que contarnos máis cousas da vosa vida para coñecervos mellor e poder aprender do voso exemplo. Prometeunos que así o faría.

Vós non chegáchedes a coñecerme. Son Esperanza, a filla maior do voso neto Anxo, o de Olguita. Quero que saibades que estou moi fachendosa de levar o nome da miña bisavoa e gustaríame parecerme a ela no afán de compromiso e loita pola xustiza e liberdade.

Dende estas liñas recibide a miña homenaxe onde quera que esteades.

A vosa bisneta que nos vos esquece,

Esperanza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario