lunes, 6 de mayo de 2013

Retranca

Cantas veces tennos dito que digamos algo en galego porque lles gusta o noso acento? Moitas, non? A min polo menos cada ano. Cada verán teño que disimular o moito que me amola que queran escoitar algo en galego. Xa sabemos que temos un acento, como diríamos nós, moi riquiño, suave, melódico... non sei. Diferente ós das demais comunidades. 

Cando era pequena era coma a novidade en medio de tanto andaluz en Cádiz. E o era si. Era una nena pequena duns 5 anos que chegaba co seu acento e graza. Pero a min parecíanme máis "graciosos" eles. Gustábame máis o seu acento co meu. Eles eran a novidade para min. E coma novidade que eran tentaba de aprender todo o que fora deles. Inconscentemente, non era que quixera deixar de ter acento que teño. Por iso cando voltaba falar comigo era todo un espectáculo. Faláranme en castelán ou en galego, eu contestaba en castelán co meu acento  propio, pero lle engadía o salero do acento andaluz. Tantos meses sen escoitar a xente que tivese un acento similar ó meu facía que inconscentemente, sen darme nin sequera conta, intentara cambiar a miña forma de falar. Ó pouco de voltar xa volvía a ter o acento riquiño de sempre. Pero sempre quedaba a anécdota e a sorpresa de escoitarme falar por primeira vez no aeroporto nada máis chegar.



Cando era pequena. Diso fai xa máis de 10 anos. Mais aínda conservo a sinxeleza coa que adoptar formas e expresións andaluzas, e pode que tamén pequenas puntadas do acento ó imitar as expresións, que, a fin de contas, o que as fai ter o salero que teñen é o acento. Coma as nosas expresións, o acento é o que as fai máis propias e distintivas doutras. Poñede a un andaluz a falar galego e xa veredes coma forza a fala, con ese suposto acento cerrado que mal caracteriza popularmente "á xente de pobo". Logo un galego pasará o mesmo, pero eu, por experiencia propia, noto unha maior diferenza. A sonoridade e melodía do noso acento facilita moito que non teña que forzar un acento alleo por moito que se diferencie, na presenza continua do seseo e omisión de palabras. Polo menos a min é o que me parece ó comezar as xa míticas imitacións de acentos. 

Ó comezo os primeiros días, están ben, fanse amenas e entretidas. Mais chega un punto no que xa se forman críticas. Non cara o acento, senón o continuo debate se o galego é un idioma coas características fundamentais dun idioma, cunha longa historia evolutiva, ou é só un dialecto máis, un acento máis. Daquela é cando comezan a preguntar palabras galegas. Ou simplemente que lles fale en galego. Pero falaren en galego non me sae así sen máis, e menos con xente que sei que non o fala. Enténdeno, iso seino, porque despois de falarlles din "¡Pero si se entiende!". Xa o dixen, non se diferenza moito do castelán, é o acento o que fai que a diferenza sexa maior. Logo, como quedan insatisfeitos, xa que agardaban un idioma complicado, ou non sei que agardaban, a verdade, comezan con " Di palabras graciosas en gallego". Sempre lles digo que non sei que dicirlles, acabo por traducir o que me din ou soltando a primeira palabra das máis singulares que teña o vocabulario. Acaban quedándose co de sempre: carallo, festra, esmorga, polbo, pulpo á feira, bico e golfiño. Ó ano seguinte toca a mesma repetición, e algún engadido máis, pero sempre é o mesmo... 

Algún día terei que inventar unha forma de deixalos tan abraiados que non o volvan preguntar. Porque aquí, a parte dun acento riquiño, tamén temos...

Antano non sabería que dicirlles, hogano diríalles calquera burrada coa que calalos
Rechouchiaríana no Twitter, onde nós non tweeteamos, chiamos
Esmorga a que armarían cos seus novos descubrimentos lingüísticos
Teimudos quedarían ante eles, abraiados, afervoados
Raposos coa présa de atopar novas vítimas, novas palabras, serían
Alacrán o que non cedería ós seus rogos; pasaríalles o sol pola porta, perdendo palabras
Nunca choveu que non escampase, diríalles, atoparían outra solución
Choiva, chuvia, orballo, babuxa, bátega, zarzallo... por aquí comezarían
Asemade, coma quen oe chover estaría, axuda non terían
Golfiño xa a teñen, que máis atoparían? Reirrei, forcadela, golpe, esquío, vagalume?
Albiscando estarían por onde puideran, prendendo no sono eu xa...
Lóstregos chegarían, escuro todo, e aínda seguirían, nun intre eu xa durmo...
Estarían a medir o vento por ferrados, desesperados xa
Gaitas e máis soarían na miña cabeza, as súplicas amolaríanme
A ver ho! Ide a por un dicionario e ahí teredes o que queirades! 

E así sería unha nova forma de dicirlles que por moito que haxa palabras que se asemellen ó castelán, non será por formas e formas de usalas e haberá outras que non, e que sexan tan especiais que cada unha sexa un concepto, e á vez unha expresión, un sentimento, un recordo, unha emoción... que envolven a retranca coa que respondemos a todo. Retranca que está en todas partes, ata nesta pequena composición. Tan sinxela de entender coma a retranca inherente ó noso acento e ó sermos galegos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario