sábado, 30 de marzo de 2013

Innovación

Levanta. Colle o dicionario de Xerais que tes abandonado no estante. Busca o “c”. Vai cara o final e lee a definición de “cultura”. Supoño que atoparás algo coma isto: 1. Cultivo dos coñecementos e facultades da persoa humana. 2. Conxunto de coñecementos que se teñen como froito do estudio e doutras experiencias. 3. Conxunto de tradicións e de formas de vida dun pobo, dunha sociedade ou de toda a humanidade. En calquera outro dicionario, non ten porque ser nun de galego, haberá definicións similares, ou concretamente a mesma pero noutra variedade lingüística. 


Os valores que definen o termo cultura non se perden. Son universais. Atemporais. Serán sempre os mesmos na teoría e na práctica. A cultura coma tal, coma aspectos característicos dun conxunto por moi reducido que sexa, non se perde. Aínda que pareza que se acerca máis o termo coas tradicións dun pobo, a cultura va máis alá. Está tanto no presente, no pasado, coma no futuro. Non sempre serán as mesmas características definitorias as que determinen a cultura coma xeneralización. Avanza coma calquera rasgo definitorio dun conxunto. Terá un nexo común: un pasado, as raíces ancladas nunha tradición, as raíces do pasado que medraron polo tronco ata chegar ás pólas, que nada teñen que ver coas raíces xa. Pero están unidas. A isto me refiro. Á unión do pasado co presente, coa actualidade, na cultura, neses rasgos identificativos que non sempre foron os mesmos. Ese rasgos non se esquecen. Por moito que se condicionasen diferentes movementos culturais ó longo da historia, nós seguimos a ser os mesmos. Non me distingo moito dunha rapaza do século XIX. No exterior somos similares, pero teremos diferenzas determinadas polo momento no que nos tocou estar. Interiormente non poderemos pensar igual, nin sequera o mesmo, porque os valores que se transmitiron non foron os mesmos. Pero estes valores evolucionaron. Evolucionaron no medio dunha cultura, que é á vez eses mesmos valores, sobre a mesma raíz, a moza, a sociedade. 

É complicado definir o termo cultura. Ó comezo vemos 3 acepcións diferentes: unha referida ó enriquecemento da mente, o que se denomina enriquecemento cultural; outra ós coñecementos que se obteñen co estudo, outra ó conxunto de tradicións que caracterizan a un pobo.  Eu máis ben penso que é, a grandes rasgos, todo o que caracteriza un conxunto. Esta última definición é a que máis me agrada. É a que abarca máis campo. É… é máis solidaria. Non se centra nun individuo e o define por ter uns coñecementos ós que non todos poden ter acceso coma un ser culto. Culto é o conxunto. Non se centra nos coñecementos, na intelixencia dunha soa persoa. É ampla e compartida. Por iso mesmo creo, é o meu parecer, que estas dúas definicións sepáranse do termo cultura como conxunto. Pero logo se se mesturan as tres xa hai unha definición que me agrada máis. Porque se nos fixamos en calquera manifestación artística de calquera autor, que a fin de contas, define a cultura, é algo individual pero que se asocia a un conxunto que comparte esas características. Por iso mesmo, esta sería a miña definición perfecta de cultura, tendo en conta que calquera cousa, e cousa é un termo moi amplo, por sinxela que sexa, define a unha persoa, e á súa vez á sociedade total: 

CONXUNTO INDIVIDUOS+ TRADICIÓN+ COÑECEMENTOS INDIVIDUAIS+PASADO+ PRESENTE+EVOLUCIÓN = CULTURA

Resumindo… TODO CANTO VEXAMOS POLA RÚA, DE ANTES OU DE AGORA, TRADICIONAL OU INNOVADOR, O QUE SOÑEMOS OU O QUE FAGAMOS… e un largo etcétera de parellas opostas… todo é C-U-L-T-U-R-A

Pero eu agora lle vexo un problema, un gran dilema, máis ben. E é o como. Como se aprende, se adquire a cultura? Ou mellor, é algo que se poda aprender coma un novo coñecemento amplo e extenso con distintas interpretacións? Se entendemos por cultura a definición nova que acabamos de crear, pois eu creo que non. Todo o contrario. A cultura crease. De dentro cara fóra. Do individuo cara ó espectador. Do espectador cara ó conxunto reducido. Do conxunto cara ó mundo. E do mundo ó recoñecemento de haber creado algo distintivo, que aínda que estivera ahí agochado sempre, coma as raíces dunha árbore, sae á luz cunha interpretación máis extensa, fóra do pensar individual. 

A cultura galega non se escapa destas pautas que acabo de marcar. É unha máis de centos de miles de culturas incontables. Non por iso de menos valor nin menos recoñecemento ou fama. Aquí é onde atopo outro problema. A cultura galega enténdese coma a tradición. Só como a tradición, cando hai un mundo aberto e amplo de pequenos e grandes artistas galegos que condicionan esta cultura. Cultura á que poderíamos denominar emerxente. Aparece e xorde da tradición, mantendo a súa unión e rompendo con ela á vez. Indicando unha superación, individual e colectiva dos tópicos que marcaron a conservación dunha tradición. Non está de máis manter as raíces. Pero estas non poden estar sempre presentes na evolución artística e individual. Non pode ser a tradición a que manteña unha cultura crecente. A evolución márcase pola innovación. E a innovación non se aprende. Nace da inspiración. Pódese motivar a inspiración coa mesma innovación, con algo que abra  os ollos a unha maior manifestación individual, pero nunca aprenderse. Nunca memorizarse. Así estáncase a evolución. Outro dilema é que tanto a tradición condicionou a aprendizaxe, que xa estou farta de escoitar seguido o mesmo da tradición… “E que é cultura xeral”… e digo eu, o novo, a experimentación, o que non se coñece aínda, o emerxente, o que esta a buscar as súas oportunidades, o que esta a buscar a súa forma de expresarse coa arte, con calquera matiz que defina a arte, coa literatura, coa lingua, coa fotografía, co cinema, coa música, coa escultura, coa pintura… todo isto non é “cultura xeral” por moi descoñecido que sexa aínda en moitos aspectos? Para min si o é. E non poden pretender que estemos sempre coa tradición coma se fose o presente. Como non poden pretender ensinarnos a “cultura xeral” dunha manifestación, coa tradición. Coa tradición do libro. Así, cos anos, o único que conseguiran é un desprezo lento cara ela, sexa cal sexa. A innovación, o descoñecido debería estar coma o coñecido. Ser coñecido. Pero non obrigado a aprenderse a base de repetidas lecturas e esquemas. Así so se chega á desesperación.



Pero coa desesperación pódese conseguir arte tamén. Cultura, ó fin. Polo que haberá que agradecer que o rexeitamento ó método tradicional, non á tradición cultural, sexa o que abra os ollos á innovación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario